O plan contra a covid-19 do goberno local non considera que as auxilares do SAF sexan persoal de risco

DIego Fernádez, concelleiro de persoal, co presidente do comité de empresa do concello, Santiago Ois, entregando un premio. Imaxe do concello

A CIG cuestionou que o plan de continxencia fronte a covid-19 presentado polo goberno local careza dunhas isntruccións “que indiquen a quen lle comunican os traballadores que teñen síntomas e como, se hai ou non algún tipo de consecuencia pola non asistencia” ao seu posto de traballo. “No documento fala da non asistencia ao traballo por presentar síntomas, mais tamén por ter estado en contacto con persoas diagnosticadas” engaden desde o sindicato.

A Intersindical Galega considera que tanto as traballadoras de axuda no fogar (SAF) como as da escola infantil “deberían estar encadradas no grupo de exposición de risco porque hai un contacto estreito e non se pode manter a distancia con casos posibles, que ben poden ser asintomáticos”. Neste sentido, censura que o documento presentado polos edis Diego Fernández e Andrés Hermida ao comité de saúde do Concello non considere ningún posto de traballo municipal como de exposición de risco e reduza a “baixo risco” o das auxiliares de axuda no fogar e traballadoras de Servizos Sociais, no que reserva a baixa exposición ao risco de contaxio ao resto do persoal, traballadoras da escola infantil incluídas.

Debido ás súas numerosas carencias, o plan non se someteu a aprobación e “acordouse que se terían en conta algunhas das achegas realizadas no Comité para a mellora e que no momento que estivese a redacción definitiva se enviaría a todos os traballadores e traballadoras por correo electrónico” informa a CIG.

O goberno local tería anticipado que, en función da dispoñibilidade de material, procederá á colocación de mamparas en todas as mesas con e sen despacho cun espazo no interior para o intercambio de documentación e á marcación no solo das distancias de seguridade e eliminación de cadeiras nas salas de agarda, entre outro material de prevención. Tamén informou de que non houbo ningún caso positivo entre o persoal municipal.