O persoal dá luz verde, co voto en contra de CIG e UXT, á primeira RPT do concello de Betanzos

Co voto dos sindicatos maioritarios entre os funcionarios, CSIF, e de CCOO, onte asinouse a primeira Relación de Postos de Traballo ( RPT) da historia de Betanzos, “un documento polo que o persoal levaba anos loitando para mellorar as súas condicións profesionais”, segundo afirmaron estes sindicatos. Para CSIF, trátase de “unha RPT ambiciosa e dinámica, que vai traer importantes melloras para os traballadores” e que “asenta os alicerces dunha regulación de todo o persoal”. O CSIF mesmo agradeceu o “talante dialogante” do concelleiro de persoal Diego Fernández, que permite darlle luz verde á RPT a un mes das eleccións municipais.

A RPT, que conta coa oposición dos sindicatos máis representativos entre o persoal laboral do concello por excluír á maior parte deste persoal, ten que ser agora ratificada polo Pleno municipal. Como onte informou este xornal a CIG denuncia que esta RPT “pretende excluir ao 82% dos postos de persoal laboral e afecta a “menos da metade” de traballadores. Engade que esta RPT supón un incumprimento do Convenio colectivo aprobado o pasado ano e non descarta impugnala en caso de que sexa aprobada polo Pleno municipal.