O pacto do BNG para a investidura de Sánchez deixa sen valor a reclamación de Barral sobre a AP9

A peaxe da AP-9 en Macenda, en Piadela

Tratando de anticiparse á publicación do acordo de investidura entre PSOE e BNG no Congreso, os rexedores do PSOE da comarca lanzaron a reclamación de descontos na AP-9. A liña foi a mesma en todos os casos: desconto da viaxe de volta, culpar ao PP da prórroga e denunciar o agravio con outras localidades.

Mais o pacto subscrito o pasado venres entre o BNG e o PSOE no Congreso convertiu en papel mollado a proposta que, segundo anunciou, Barral levaría ao Consorcio, FEGAMP e máis foros. O acordo subscrito entre nacionalistas e socialistas expresamente recolle que se aprobe “a transferencia da AP-9 ao longo do ano 2020, e incluír esta autoestrada nos esquemas de compensación para a rebaixa das peaxes que se poñan en marcha para as concesións de longo prazo aínda vixentes”. Isto supoñería garantir “como mínimo a bonificación de 100% da peaxe para os usuarios recorrentes (dúas veces ou máis ao día), tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana. O custo desta bonificación corre a cargo dos Orzamentos do Estado e aplicarase a partir da aprobación dos PGE de 2020”.

“Ademais, establécese o compromiso de eliminar durante a lexislatura o impacto nos usuarios da AP-9 do incremento extraordinario acumulativo
durante 20 anos, contemplado nos Reais Decretos 1733/2011 e 104/2013 e as súas adendas e desenvolvementos posteriores” zanxa o acordo. Con el, o voto do deputado do BNG Néstor Rego abre o prazo para levantar as barreiras en Guísamo e Macenda para betanceiros e mariñáns que traballan na Coruña.

No pasado o PSOE excusouse ata en auditorías por vir para non cumprir cos acordos unánimes do Parlamento de Galicia que reclamaban a transferencia da AP9. Tampouco foi constante a postura do goberno local betanceiro, que tamén chegou a negarse a pedir a gratuidade para os usuarios da AP9.