O outro camiño de peregrinación que pasa por Betanzos

A fonte máis antiga do municipio (a dos Ánxeles, na imaxe) está no Camiño a Teixido

A nosa comarca está atravesada polo Camiño Inglés a Compostela, unha ruta de peregrinación que no pasado serviu para afianzar os lazos comerciais de Galicia con Inglaterra e que nos últimos lustros está a cobrar auxe. Mais hai outra ruta de devoción popular, nidiamente galega, que cruza a comarca. En sentido inverso ao Camiño de Compostela.

Ordena a tradición galega que “A Santo André de Teixido vai de morto quen non vai de vivo”. É unha imposición divina para facer a peregrinación ao outro Apóstolo venerado en Galicia tras celarse, segundo a lenda, da popularidade de Santiago. E en forma de cobra e vermes que se arrastran van a Teixido quen non foron en vida rendir homenaxe ao Apóstolo ao pé da serra da Capelada.

Un dos camiños de Teixido parte, precisamente, de Betanzos. A chamada Ruta do Medievo une Betanzos e Santo André de Teixido a través de cinco etapas de aproximadamente 20 quilómetros cada unha, sumando en total 95 quilómetros.

Trátase dun sendeiro natural que percorre dez concellos-Betanzos, Coirós, Paderne, Irixoa, Monfero, A Capela, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Cedeira- e que permite contemplar exemplos de arquitectura medieval, concas fluviais e fragas, castelos e mosteiros que ofrecen as mellores paisaxes naturais da zona. Esta ruta discorre por dez concellos

Segundo a Fundación Santo André de Teixido, encargada de promocionar estas rutas de devoción e actividade física no medio natural, está baseada no percorrido que facían os Andrade, señores feudais da zona, para cobrar os tributos aos labregos.

Santo André de Teixido é o segundo santuario máis visitado en Galicia, despois do de Santiago de Compostela. Situado nun val da Serra da Capelada, no concello Cedeira, recibe cada ano a milleiros de visitantes interesados en coñecer este núcleo.

O seu interese parte non só polo seu templo gótico de tipo mariñeiro e as numerosas lendas vinculadas ao culto do santo- na que agroman sen dificultade elementos precristiáns indisimulados-, senón tamén pola impoñente paisaxe dos cantís da Capelada- os maiores da Europa continental.

Queren as lendas que en Teixido estea unha porta cara o alén desde os tempos castrexos, polo que a ruta de peregrinación remontaríase a tempos anteriores ao cristianismo, como evidencia a lenda das serpes- animal mítico da simboloxía castrexa como evidencian numerosos petróglifos. Isto convertiríaa na peregrinación máis antiga do país.

Ademais, Teixido suma a punta da Vixía de Herbeira, un dos cantís máis altos de Europa, xunto coa única praia de area negra non volcánica do mundo e unha especie de bosque petrificado, motivos que cargaron o lugar desa forza telúrica que deu orixe á romaxe.

A ruta parte da betanceira praza do Campo e ascende en paralelo polo Mandeo, tomando auga na Fonte dos Ánxeles- a máis antiga do municipio- para seguir río arriba e ascender na ponte de Teixeiro cara Vilamourel e seguir ata Pontedeume polo Lambre.