O obradoiro Construíndomos na escrita volve ao IES As Mariñas este 14 de outubro

IES As Mariñas, imaxe de arquivo

Co reinicio do curso, o Concello de Betanzos retoma a programación de dinamización lingüística nos centros de ensino e comeza co obradoiro Construíndomos na escrita para o alumnado de secundaria do IES As Mariñas.

O Concello de Betanzos programa esta actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística logo da proposta da dirección e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas para desenvolver nun espazo máis longo de tempo os obradoiros de escrita que se veñen levando a cabo cada ano. A programación retómase logo de ficar paralizada desde o pasado mes de marzo pola declaración do estado de alarma e continuará nos meses de outubro, novembro e e decembro.

“Construíndomos na escrita” será conducido polas escritoras galegas Antía Otero e Dores Tembrás e pretende, ante a grande barreira que adoita provocar a poesía e a literatura en xeral co alumnado, busca desmitificar multitude de tópicos que xorden arredor da escrita. As sesións afróntanse dende o sensorial e o interdisplinar, a través do debate colectivo arredor das experiencias, do emprego da propia voz para escoitar as palabras no eco, da relación que se crean entre elas na sinestesia e noutros recursos estilísticos, achegaranse ao misterioso xogo e á revelación que que proporciona a poesía, para chegar á escrita colectiva ao final de cada encontro.