O goberno Sánchez declara como “non prioritarias” as estacións de tren das Mariñas

Estación de tren de Betanzos-cidade

Apenas unhas semanas despois de demandar o BNG a recuperación das paradas facultativas nas estacións e apeadeiros da comarca na liña A Coruña-Monforte, que o Pleno de Betanzos respaldou, o goberno español bota un xarro de auga fría sobre a pretensión de recuperar a comarca a comunicación ferroviaria.

E é que ven de trascender que Adif e Adif Alta Velocidade- dúas entidades públicas dependentes do Ministerio de Fomento, que xestiona a man dereita de Pedro Sánchez, o Ministro Ábalos- acaban de declarar estacións “non prioritarias” todas as paradas de tren na comarca. De feito, na área metropolitana da Coruña só a estación de viaxeiros de San Cristóbal ten tal consideración.

O criterio seguido polo executivo socialista é simplemente o movemento económico que xeneran. Considérase que teñen importancia estratéxica as estacións que teñen máis de 300 000 viaxeiros ao ano ou que xestionen máis de 8000 trens anuais ou aquelas que, sen cumprir ningunha destas condicións, son de interese comercial para Adif.

Así as cousas, ningunha das paradas na comarca terá tal consideración, perdendo prioridade a nivel comercial e de investimentos: Cesuras, Miño, Perbes, Oza dos Ríos, Teixeiro, Curtis,  Betanzos Infesta e Betanzos Cidade desaparecen das prioridades do Ministerio. Nin sequera o interese público da parada Elviña- Universidade da Coruña a salva de caer ás non prioritarias.

As dúas estacións betanceiras teñen un movemento de pasaxeiros discreto, segundo os datos publicados por ADIF: Betanzos Cidadae, con 337 pasaxeiros e Betanzos Infesta con 2752 en 2018, e a de Curtis (667 pasaxeiros)  quedan tan só como estacións de viaxeiros con servizos comerciais. As restantes fican reducidas a estacións con obrigación de servizo público exclusivo.