O goberno local volve sacar a licitación o PXOM por 143 000 euros

O PXOM rexeitado en 2016 non ordenaba absolutamenta nada no Casco Histórico, segundo denunciou o BNG

O Concello de Betanzos sacou por terceira vez a contratación a redacción do plan xeral. O servizo sae a licitación por 118 920 euros (143 000 euros de sumarlle o IVE). A empresa que leve o contrato terá catro anos improrrogables para redactar o documento e entregalo ao Concello para a súa aprobación polo pleno. Este prazo demora polo menos ata 2021 a aprobación definitiva dun instrumento urbanístico. A nova licitación chega despois de que o Concello rescindise ata en dúas ocasións a redacción do documento urbanístico, que saíu a contratación por primeira vez en 2000, durante o mandato de Manuel Lagares. O Concello réxese actualmente polas normas subsidiarias de 1996.

Cando o PP entrou a gobernar en 2007 anunciou a contratación do estudo de impacto ambiental para o PXOM que o bipartito PSOE-BNG deixara redactado. Porén, o PP desistiu de presentar a aprobación aquel plan xeral. En 2010 atribuíuno á perda do apoio de CxB e posteriormente ao bloqueo do PSOE. O certo é que o retorno do PSOE á alcaldía en 2011 supuxo a rescisión do contrato daquel PXOM e a licitación, adxudicación e redacción doutro documento, casualmente por conta da mesma empresa que fixera o primeiro, Oficina de Planeamiento.

A catro días da entrada en vigor da actual lei do solo, en marzo de 2016 o PSOE forzou un pleno extraordinario para tratar de forzar á oposición a aprobar in extremis un plan xeral “desarrollista” e “especulador”, segundo denunciaron todos os grupos da oposición. O órdago do PSOE non calou e PP, Betanzos Novo, BNG e CxG votaron en contra do documento por recoller unhas previsións “irreais” e un modelo de cidade “obsoleto”. Malia isto, o PSOE arremeteu contra PP e BNG responsabilizando a estes dous grupos.

Este é o debate no que o Pleno tumbou o “segundo” plan xeral:

As quendas de réplica: