O goberno local tamén se plaxia a si mesmo coa programación do Día de Rosalía

Desde que o pleno do Concello aprobara en 2012 a proposta do BNG de declarar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía por coincidir co nacemento da matriarca das letras galegas e festexalo cunha programación cultural específica, ano a ano a cita aséntase na oferta cultural municipal, malia adoecer da mesma falta de imaxinación e reiteración que outras citas, coma o Entroido. Os mesmos actos que o pasado ano enchen a programación.

O Concello de Betanzos bota a andar un ano máis unha programación dedicada a conmemorar o mes de Rosalía de Castro. Desde o pasado día 17 pódese visitar unha exposición bibliográfica na Biblioteca Municipal Castelao e visualizar nos balcóns dos edificios municipais a exposición “Versos rosalianos na rúa” que intenta difundir a obra de Rosalía de Castro e homenaxear á escritora no aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro.

Ademais, os días 27 e 28 nos centros escolares o espectáculo “Sempre Rosalía” e o 28 a xa tradicional homenaxe a Rosalía desde as 19:30 h na aula de cultura do Edificio Arquivo, organizada pola A.C. Eira Vella e na que colaboran outras entidades e os centros escolares.

A conmemoración do Día de Rosalía foi unha proposta do BNG, que xunto coa plataforma Queremos Galego e as asociacións Roxín Roxal e Eira Vella organizou en 2012 a primeira homenaxe á poeta, nun formato que o Concello copiou e mantén.