O goberno local suspendeu onte a primeira hora da tarde a feira prevista para hoxe

Unha feira en Betanzos. Imaxe de arquivo

Non haberá feira. Con restriccións de reunións a dez persoas como máximo anunciadas desde hai dous días e que entraron en vigor na medianoite de onte, o goberno local agardou a primeira hora da tarde de onte para comezar a avisar aos feirantes de que optaba por suspender a feira de hoxe, 16 de outubro. Faino atendendo á situación sanitaria de Betanzos, que continúa en alerta amarela con ata 14 casos confirmados de covid19 nos últimos 7 días, segundo os datos divulgados onte polo goberno galego.

Uns datos que, como informaba Xornal de Betanzos onte, o goberno local insiste en non difundir a través dos seus medios de comunicación, tras semanas demandándollos en comunicados de prensa á Xunta. Onte aínda o executivo local chamaba a participar nas súas redes sociais en actos públicos na aula de cultura e a visitar exposicións no cronicamente mal ventilado Edificio Arquivo.

Nun comunicado, o goberno local asegura que a decisión de suspender a feira “foi tomada despois de consultar coa Xunta algunhas cuestións realcionadas coa Orde publicada onte pola Consellería de Sanidade no DOG como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19”. A Orde establece a limitación dun máximo de dez persoas por grupo en espazos de uso público, unha restricción anunciada xa hai varios días.

O goberno local asegura que “non se pode garantir, cos medios do propio Concello, que se poida cumprir a Orde da Xunta en canto a esa limitación de grupos de máximo dez persoas”. Asegura que ve  inviable “que poida facer cumprir que en cada posto non haxa máis de dez persoas ou que ao longo da praza póidase, nun momento determinado, reunirse un grupo de máis de dez persoas”.

Ante esta situación, o goberno local considera necesario, por seguridade e para cumprir as normativas, “suspender a celebración da feira a pesar dos contratempos que iso poida supoñer para os propios vendedores e outros colectivos que se poidan ver afectados tendo en conta que se trata dunha actividade que leva aparellada a mobilidade que centos de persoas ”.

Do que non dá razón o goberno local na súa nota é dos motivos polos que, estando publicado xa que desde antonte non podería haber grupos de máis de dez persoas, agardou ao último momento e a menos de 24 horas da celebración do mercado para comunicar a medida. Polo de agora, ao peche desta edición, o goberno Barral non desconvocara unha entrega de premios prevista para a fin de semana no Edificio Arquivo.