O goberno local saca outra vez a licitación o cambio de saneamento na Eira Vella

Pancartas na Eira Vella

O goberno local acaba de sacar novamente a licitación a mellora na rede de saneamento de fecais e pluviais na praza Enrique IV, popularmente denominada Eira Vella. Os traballos saen a licitación por 14.000 euros con IVE e un prazo de execución de tres meses.

A obra supoñerá eliminar a actual rede unitaria de saneamento e eliminar unha antiga canalización da rede de abastecemento de auga, formada por tubaxes de fibrocemento con amianto, polo que unha empresa especializada neste elemento contaminante será a encargada de retiralas con equipos especiais de protección.

A actuación inclúe poñer unha rede separativa para auga e fecais, de polietileno e realizar as acometidas ás casas e reurbanizar a praza. Durante os traballos prevense realizar achiques de auga con bombeo debido a que a zona está ao bordo do Mandeo, en previsión da incidencia das mareas. Os traballos, coma os orixinais, están financiados cun plan provincial.

Tras postergar durante meses o inicio das obras a causa dos permisos sectoriais- Costas ou Camiño Inglés, entre outros- o executivo socialista contratou as obras atendendo unicamente ao menor prezo ofertado polas empresas. Finalmente, derivado dos incumprimentos, viuse obrigado a rescindir o contrato. Desde entón a praza permanece en precario, coas canalizacións de polietileno a nivel de suelo, mal cubertas con formigón, e ocasionando numerosos problemas á veciñanza, que tanto o PP coma o BNG apoiaron publicamente.