O goberno local saca a licitación as obras no Paio Formoso sen modificacións que permitan salvar o vello cedro

Cedro na praza Paio Formoso

Finalmente non haberá, a xulgar pola licitación posta en marcha polo goberno Barral, indulto para o cedro que desde hai décadas dá sombra e verde á praza do Paio Formoso. A demanda dos nacionalistas de preservar unha árbore única no entorno que é “patrimonio” e que “dá máis a Betanzos que dúas prazas de estacionamento” caeu en balde porque o goberno de María Barral sacou a licitación o proxecto tal e como fora aprobado inicialmente en decembro de 2017.

O prego asinado pola arquitecta técnica municipal María Teresa Perales describe o aspecto actual da praza como “en la actualidad es un espacio destinado casi exclusivamente a aparcamiento de coches, con un espacio cautivo verde donde destaca una araucaria, y unos arbustos que delimitan la acera del Malecón”. No orzamento dos traballos prevese o “Talado del árbol y demolición y levantado de las zonas ajardinadas” e a súa ornamentación posteriormente coas árbores que todas as cidades están a plantar en zonas públicas nos últimos anos a pesar das súas exixencias hídricas e o seu impacto ulterior co sistema radicular nas infraestruturas, “lantación de 30 ud de Photinia, 16 ud de Abelia grandiflora y 17 ud de Ilex aquifolium”. Non todas irán nesta praza, senón en toda a obra que prevé outro xardín no entorno do Matadeiro, unha vez demolido o actual.

O goberno local ven de sacar a licitación as obras nas que se investirá máis de 237 000 euros do POS+ do ano 2018, que o goberno socialista mantén practicamente aínda sen contratar dous anos despois. O proxecto da obra, de decembro de 2017, prevé a “reorganización das dúas prazas, a renovación do pavimento en todo o ámbito, a substitución das actuais canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga naqueles tramos que non fosen renovadas e a execución dunha nova iluminación en ambas as prazas”.

Nun comunicado de prensa, a alcaldesa, María Barral, explicou que a intención do Concello é “recuperar espazos para o uso do cidadanía, e resolver con certo equilibrio a convivencia deste co automóbil, para redefinir tránsitos e limitar o espazo destinado ao estacionamento de vehículos”. No redeseño definido polo goberno local, ademais da tala do cedro que suma medio século no entorno e ofrecía unha postal única coa modernista cochera de Autos Rivas que o PSOE se negou a protexer, prevese que as árbores pasen ao “perímetro da zona de praza, conseguen sombras e integran os aparcadoiros que se propoñen”.

Na praza do edificio Matadoiro, con motivo de realzar edificio e crear, así mesmo, un lugar de uso e estadía, colocarase unha beirarrúa de granito xunto ao peche do matadoiro “que disuada de aparcar e permita o paso ao seu lado” e na zona de ensanche, de novo uns bancos, mesas de xadrez e zonas de xardín, con flores e arbustos.

Na sección de rúa que é obxecto de renovación nas infraestruturas urbanas proponse pavimentar de novo con plataforma única cun carril central de formigón de 2,40 m de ancho e dúas franxas laterais, pegados ás frontes construídas, de granito, que lle proporcione configuración de alfombra, resolva as irregularidades do trazado e ao mesmo tempo permita racionalizar a colocación do conxunto de tapas de rexistro individuais das instalacións, de modo que calquera substitución ou actuación nelas non lle afecte o pavimento continuo do centro da rúa.

En ambas as prazas as zonas de estadía definidas polas zonas axardinadas e de bancos resaltaranse tamén cun pavimento de laxas de granito silvestre de 6 cm de espesor e a execución dunha nova iluminación pública. No resto da superficie das zonas peonís realizarase un pavimento de formigón lavado.