O goberno local resístese a ampliar información sobre as actividades extraescolares

Andrés Hermida, edil de Educación, e María Barral, alcaldesa, nunha comparecencia. Imaxe do Concello

O executivo local resístese a dar máis explicacións sobre o anuncio realizado hai dúas semanas de que entregará a unha nova entidade recén creada a xestión das actividades extraescolares durante o vindeiro curso.

O anuncio fora realizado polo concelleiro de Educación, Andrés Hermida, no transcurso dunha xuntanza do Consello Escolar Municipal, sen previa comunicación coa asociación de nais e pais do CEIP Vales Villamarín.

A ANPA, que durante varios anos xestionou as actividades extraescolares, reaccionara reprobando as formas do executivo socialista e non ter recibido en todo o tempo ningunha información por parte do goberno de María Barral.

O concelleiro de Educación evitou dar explicacións sobre as xestións que realizou neste asunto cando foi cuestionado por este medio. Hermida negouse a facilitar máis información sobre o asunto e a valorar as declaracións da ANPA de non mediar unha xuntanza con el.

Andrés Hermida condicionou calquera aclaración ou información adicional ao respecto a manter unha xuntanza persoal con el. Cando lle indicamos que dado que “as declaraciones da ANPA foron mediante un escrito para tratar igual a ambas partes nos parece o mais xusto facelo igual” volveu condicionar calquera nova información a manter unha entrevista persoal con el.

No momento en que insistimos en que “facilitarnos unha reacción ás manifestacións escritas da ANPA por vía electrónica” axilizaba ofrecer aos nosos lectores esa información directamente optou por non responder máis ao noso convite para dar a coñecer os motivos polos que o executivo local optou por promover a creación dunha nova entidade que corra coas actividades extraescolares o vindeiro curso académico.