O goberno local recoñece que 1/4 das vivendas betanceiras están desocupadas pero quere construír 3000 máis

Mapa de zonas inundables de Betanzos según a Xunta

O documento de avance do Plan Xeral de Betanzos que o goberno socialista remitiu á Xunta non deixa de deparar sorpresas e curiosas contradiccións. Así, pretende facilitar a construcción de 3279 novas vivendas nos vindeiros 16 anos, malia recoñecer no propio documento que 1 de cada 4 vivendas actualmente existentes en Betanzos están desocupadas.

Para o goberno local, o feito de ter desocupado o 25% do parque residencial non é impedimento para promover máis de 3000 novas vivendas. Asegura que vai reducir ese número a través da rehabilitación de vivendas- o que realmente aínda elevaría máis esta porcentaxe de residencias a disposición, entre 15 e 20 novas vivendas rehabilitadas por ano segundo o propio documento. O número de vivendas baleiras, asegura o documento, reducirase, ademais, grazas a un difuso “reforzo” do carácter de capital comarcal que a cidade foi cedendo nas últimas décadas.

O documento aprobado polo goberno do PSOE apóiase, ou iso di, nas proxeccións demográficas realizadas polo Instituto Galego de Estatística para o prazo 2016-2031. O IGE proxecta unha presumible “contracción do tamaño medio do fogar”, con cada vez menos residentes por vivenda. Porén, a previsión demográfica do IGE para toda a comarca é unha perda de poboación sostida no periodo de vixencia do PXOM e aínda máis alá. De feito, Betanzos ven perdendo habitantes de xeito constante desde hai anos e mesmo ten xa deshabitados núcleos nos que o documento prevé promoción de vivenda.

A pesar destes datos demográficos e da construcción de máis de 3000 novas vivendas, o executivo socialista asegura que terá que se “producir un axuste do excedente actual de vivenda baleira de tal modo que no horizonte de 2052 a proporción non supere o 12,5% do total”. As estimacións que realiza o equipo redactor son similares ás que incluía o anterior documento urbanístico, que foi tombado pola oposición ao considerar que recollía unhas previsións “irreais”.