O goberno local reclama responsabilidade a quen acuda ás terrazas

Unha terraza nos Soportais. Imaxe de arquivo

O goberno local demandou, nun comunicado de prensa, responsabilidade a quen acuda ás terrazas hostaleiras nesta fase 1 da desescalada. “Aínda que tanto a xornada de onte como a de hoxe- polos pasados luns e martes- se desenvolveron sen apenas incidencias, á marxe de varias advertencias en momentos puntuais, desde a Policía Local advirten que o incumprimento da normativa levará aparellada unha sanción na subdelegación do Goberno” explica o executivo socialista na nota.

A área de Urbanismo- cuxo titular foi precisamente sorprendido obviando a normativa do estado de alarma- fai un chamamento aos hostaleiros e os clientes para “que se respecten as distancias de seguridade” impostas pola normativa do estado de alarma para a presente fase de desescalada.

“Tanto durante a xornada de onte como a de hoxe- polo luns e o martes-, a Policía Local lembroulles aos locais que iniciaron a actividade esta semana a “obriga” de manter a distancia entre mesas e que os grupos de reunión poden ser dun máximo de 10 persoas e que se respecten tamén as distancias sociais” incide o executivo local.