O goberno local quere que a Xunta amplíe a área de compra de vivendas para rehabilitar

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da alcaldesa, María Barral, asinan o convenio para a protección do Plan especial de protección do casco histórico do municipio. No edificio Liceo
30/07/2019
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

O executivo local pretende descargar o groso da política de rehabilitación no Casco Histórico no goberno galego. Así o deu a entender onte nun comunicado de prensa a alcaldesa, ao demandar que a Xunta amplíe a área de compra de vivendas na próxima convocatoria do Programa Rexurbe.

Segundo o goberno local, a actual zonificación desta intervención no Casco Histórico complica a participación de máis propietarios interesados en vender, tendo en conta as complicacións nas dous anteriores convocatorias para cumprir coas condicións marcadas pola Consellería de Territorio e Vivenda.

A alcaldesa, María Barral, asegura que o Rexurbe “está a resultar positivo, como así llo trasladei ao propio presidente na reunión mantida a pasada semana, para incentivar a recuperación de inmobles e a súa posta a disposición como vivendas en réxime de aluguer”. Destacou que o propósito é “incentivar a recuperación de inmobles en todo o Casco Histórico e non centralo só nunha única zona”, e fixo especial fincapé en manter e potenciar a colaboración entre as dúas administracións –municipal e autonómica– para o desenvolvemento estes programas de adquisición de vivendas en Betanzos.

Nas anteriores convocatorias do plan autonómico, afirmou que “o municipio informou a propietarios a través da oficina municipal de rehabilitación”, situada no baixo do Pazo Municipal, xa que “se trata dunha actuación de suma importancia para a cidade co que, con outras intervencións, incentívase que particulares que ata o de agora non se decidiron a acometer obras de rehabilitación de inmobles nesta zona da cidade, agora si o fagan”, asegura o executivo local.