O goberno local promociona o camiño aos Caneiros con imaxes de As Pontes

captura de pantalla do web municipal e de turgalici acoas imaxes da area do Caneiro

Finalizaba decembro de 2017 e o goberno local presentaba o novo portal web do Concello de Betanzos.  Segundo o alcalde e o edil de novas tecnoloxías, na altura Andrés Hermida, é “unha páxina actual, dinámica, na que os veciños e visitantes terán toda a información do municipio de forma actualizada. Un web que resultaba, como analizabamos, un calco do web do Concello das Pontes.

No web foron pouco a pouco caendo cousas. Como o Entroido, que o web situaba como celebración referencial no país e que mesmo desapareceu como festa a celebrarse en Betanzos. Ou o web da Feira Franca Medieval, cheo de erros históricos e datos incorrectos. Ou a mala pasada que o traductor automático xogou á das Balconadas, similar á traducción que fixera o PP dos primeiros paneis turísticos. No que non se mellorou foi na información pública, cun web de transparencia moi coxo e coa comparativa de datos en diferentes magnitudes para dificultar a comprensión.

O que non variou foi a intención de promocionar os Caneiros. Aínda que sexa con imaxes que non se corresponden con Betanzos. “O atractivo turístico do camiño dos Caneiros, ademais, está ilustrado cunha fotografía dun área de lecer que non existe no Mandeo ata A Barcala” diciamos en decembro de 2017 e temos que mantelo hoxe. Porque o goberno local continúa vendendo o camiño cara o campo da máis popular das romarías betanceiras con imaxes que non se corresponden co seu itinerario, senón que están máis ao norte.

Nas Pontes, nada menos. A tal chegou o calco do web que se tomaron, da plantilla ou de internet sen contraste previo, imaxes da área recreativa pontesa do Caneiro. Nada que ver co sendeiro que atravesa San Xiao e Armea ata o lugar dos Caneiros.