O goberno local presenta á Xunta o borrador dun PXOM con 3279 vivendas novas

Vista aérea do Casco Histórico coa zona do Plan Rexurbe resaltada

Nun contexto de caída sostida de poboación desde hai anos, o goberno municipal de Betanzos ven de presentarlle á Xunta un documento de inicio do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM cunha previsión de 3279 vivendas de nova construcción. O goberno local advirte no propio documento de que “en calquera caso” o documento non estará listo “ata principios de 2022”

O borrador prevé a construcción de 2210 novas vivendas en solo urbano e 177 novas vivendas en solo urbanizable, como o que a capacidade máxima nos núcleos urbanos sería de 2387 novas vivendas. Ademais, súmalle outras 892 vivendas en solo de núcleo rural, de maneira que en total prevé a construcción de 3279 novas vivendas nos 16 anos que conta que estea vixente este PXOM.

En urbanizable destaca un sector denominado “Betanzos o novo” no que se prevé, sobre 2,5 hectáreas, a construcción de 150 vivendas. Ademais, o documento conta con legalizar a situación dun ámbito en Requián que inclúe unha serie de construcións xurdidas á marxe do planeamento e que supoñerá regularizar e ampliar o parque inmobiliario en 27 novas vivendas.

A esta fase de documento de inicio, en consulta pública no web da Xunta, seguiranlle a avaliación ambiental do documento, un informe de sustentabilidade ambiental, previo á aprobación inicial, e logo xa seguiralle o informe final para a súa aprobación inicial e logo xa a definitiva cos cambios derivados das alegacións e informes sectoriais. O goberno local sitúa isto a inicios de 2022, no final da lexislatura,

Betanzos réxese por unhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas en 1986 e revisadas en 1996. Dúas tentativas de aprobar un PXOM naufragaron, unha co cambio de lexislación sendo alcaldesa María Faraldo, e outra por non chegar a acordo o goberno do PSOE que encabezaba Ramón García con ningunha das forzas da oposición en vésperas doutro cambio lexislativo en 2015.