O goberno local pide a Portos que ceda a nave de piragüísmo

Efectivos de Protección Civil nunha proba de piragüísmo. Imaxe do facebook de Protección Civil

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes mantiveron onte unha reunión o presidente de Portos de Galicia e técnicos deste organismo para pedir a cesión da nave do porto construída para albergar o clube de piragüísmo, que non pode afrontar os pagos do canon á Xunta e o IBI ás arcas municipais, ademais dos gastos de auga e luz.

O goberno local asegura nun comunicado de prensa que solicitou sen éxito a Portos de Galicia a desafección do edificio da zona portuaria para suprimir desta forma o canon anual. Segundo a versión do executivo local, Portos tería negado esta saída por ir contra a lei de Portos. Tamén pediu un cambio na titularidade para que pase a mans municipais e que así sexa o propio Concello o que asuma o canon e o mantemento do edificio, algo que en palabras do goberno local a Xunta tería accedido a estudar.

Todos os grupos con representación na Corporación local de Betanzos reclamaron unha solución para reducir os gastos que debe asumir esta agrupación deportiva.