O goberno local perde outra axuda por presentar documentación fóra de prazo

María Barral co bastón de mando do Concello

O cómputo de prazos atragántaselle ao goberno local, que acaba de perder outra axuda da Xunta por presentar fóra de prazo a documentación. As bases da axuda en cuestión prevían un prazo de un mes para contratar persoal para limpeza de viais e parques infantís tras concederse a axuda. O prazo acababa o 1 de setembro do 2017.

Pero o goberno local, segundo considera probado o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non formalizou os contratos ata dez días despois de expirado o prazo, o 11 de setembro. En consecuencia, ese mesmo día a Consellería de Economía dictaba unha resolución acordando a revogación total da axuda, de 15.568 euros.

O TSXG considera que o executivo local tamén incumpriu o prazo de remisión da documentación ao servizo de emprego. As bases establecían que a documentación debía aportarse no prazo de quince días desde a formalización dos contratos, pero o Concello non o fixo ata o 25 de setembro, dez días despois de que vencese o prazo.

Os xuíces rexeitan os argumentos esgrimidos polo Concello e ratifican a decisión da Xunta por incumprir o executivo local unha “condición esencial” das bases. A sentenza non é firme e o Concello pode aínda recorrer ante o Tribunal Supremo. Todas as pretensións do executivo local fundamentábanse en supostas “incongruencias” na resolución autonómica, dado que no texto establecía que só procedía a revogación parcial da axuda, e no suposto feito de que a Xunta non dictou ningunha resolución declarando vencido o prazo para formalizar os contratos con anterioridade á suscrición dos mesmos, polo que asegura que deberían entenderse en prazo.

Máis axudas perdidas por incumprir prazos

O executivo socialista xa perdeu varias axudas por este motivo nos últimos anos. Desde programas de igualdade ata fondos para a rehabilitación do Casco Histórico, o PP utilizou a información da Xunta varias veces contra o executivo local para evidenciar a súa incapacidade.