O goberno local organiza un amplo programa de actos con motivo do Corpus mentres ignora o San Xoán

Danza de xastres durante o acto oficial do 800 aniversario. Concello

O goberno local betanceiro programou un amplo programa de actividades para a celebración do Corpus Christi. Así, a alcaldesa ten convocado á Corporación local para participar na misa e procesión desta festividade.

Do mesmo xeito, o goberno local dispuxo que a Escola Municipal de Folclore interprete a danza de xastres. A inclusión da entidade pública na festividada católica xustifícase, desde o goberno local, en que se estaría “recuperando unha tradición centenaria”. As danzas gremiais, xunto coa coca, xigantes ou gamachiños desapareceron das celebracións do Corpus nas cidades e vilas galegas ea partir do Concilio de Trento, en que se impón a festividade da Semana Santa.

O programa complétase coa exposición “350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia”, que acollerá o Edificio Arquivo ata o 30 de xuño, organizada pola Diócese de Lugo e Lucense Eucharisticum Centrum, coa colaboración do Colectivo Egeria, Xunta de Galicia, Unidade Pastoral de Betanzos e Concello de Betanzos. Poderá verse en horario de 10:00 h a 14:00 h e 18:00 h a 20:00 h os días laborables e de 11:30 h a 14:00 h os sábados.

A mostra abrirá cunha conferencia inaugural o día 24 ás 20 h, no Salón Azul do Liceo, por conta do historiador Marcos Calle.

Nada para o San Xoán

As prioridades do goberno local quedan novamente en evidencia este 23 de xuño, como acontecera no Entroido xa. Mentres se alude a unha suposta “recuperación dunha tradición centenaria” para xustificar a inclusión de organizacións municipais e da propia Corporación municipal no Corpus, ese mesmo día as lumeiradas de San Xoán, unha festa milenaria do noso pobo, non merecen atención, promoción ou unha liña na programación do executivo socialista.