O goberno local négase a dar información sobre as obrigas dos convenios con entidades

eurosAta o de agora descoñecíase a contía dos convenios que o executivo local asina coas distintas asociacións e os cometidos aos que deberían destinar eses cartos. Nin os criterios seguidos para asignar unha ou outra cantidade a cada unha das entidades nin sequera os motivos para dar así fondos a unhas organizacións e excluír a outras. Exceptuando denuncias concretas dos grupos da oposición que revelasen estas contías, pouco máis podía saber calquera veciño sobre este asunto.

Os máis críticos con este modelo foron sempre os nacionalistas, que reiteradamente, desde hai lustros, acusan ao executivo local de asignar “a dedo” estas axudas nominativas para “facer electoralismo”. O BNG defende eliminar estas axudas, mentres que no último pleno o PP propuxo crear unha comisión de seguemento para asignar estas axudas, cuxo debate podes escoitar aquí.

O portal de transparencia que a lei homónima obrigou ao goberno local a abrir dentro do web municipal cambiou algunha cousa a este respecto. Aínda que non todas as que unha sociedade democrática esixe. O goberno do PSOE tan só publicou as contías destas axudas, un avance xa que é a primeira vez que fai tal cousa. Así, por exemplo, xa é oficial que o Betanzos C.F. percibe 18 000 euros ao ano das contas municipais- mais o desfrute practicamente exclusivo dos dous campos de fútbol do Carregal, que mantén o consistorio-, ACEBE e a ANPA Brigantium 11 000 cada unha e 8000 o Troula, Santo Domingo ou o C.N. Ría de Betanzos, entre outras axudas nas que tamén perciben cartos por asignación directa a confraría da Semana Santa, o CIEC ou Cáritas e a Cruz Vermella.

O goberno local non dá ningunha outra información ao respecto, cando o mínimo sería coñecer que fins se perseguen coa achega destas cantidades procedentes dos impostos municipais e cales son as obrigas destas entidades. Publicar o texto completo de cada un dos convenios asinados polo rexedor con estas entidades resolvería todas estas cuestións. O único que explica o documento publicado polo executivo no web municipal é que, como calqeura axuda pública, o pago realizarase unha vez xustificados os gastos que o convenio esixe. Que ninguén, agás quen o asina, coñece.