O goberno local limpa a Fonte dos Ánxeles

A fonte máis antiga do municipio (a dos Ánxeles, na imaxe) non sae nos folletos turísticos

O goberno local anunciou que ven de rematar os traballos de limpeza da Fonte dos Ánxeles, unha actuación demandada insistentemente polo BNG nos últimos anos a causa do abandono da que é a decana das pías de auga da localidade. O executivo local inscribe esta actuación nun “plan” de limpeza de espazos públicos do municipio.

Situada augas arriba do casco urbano, a dos Ánxeles é unha fonte neoclásica que substitúe a unha anterior, da que se reaproveitaron os sillares para a actual fonte. Un lavadoiro, embarcadoiro e peche perimetral ás beiras do propio Mandeo fan deste lugar un recollido recanto.

O goberno local explica que os operarios rozaron a maleza que rodeaba a contorna e retiraron os residuos vertidos na pía e no entorno da fonte. O goberno local anunciou que ordenará unha especial vixilancia de zonas como esta coa fin de evitar o que cualificou de “condutas incívicas”, xa que en lugares como esta fonte aparecen de forma habitual “botellas de plástico e outros residuos”.

Anuncia, ademais, que desenvolverá este tipo de limpezas noutros lavadoiros e fontes, ademais da zona urbana.