O goberno local lanza unha campaña similar ás de ACEBE para dinamizar as compras de Nadal

A rúa Travesa adoece de falta de mobiliario e equipamento propios dunha rúa comercial. Fotografía da web do Concello de Betanzos

O goberno local anunciou a posta en marcha dunha campaña de comercio, moi similar ás que adoita levar adiante ACEBE-CCA, na que premiará o consumo nos establecementos do municipio con vales para participar nun sorteo. A campaña desenvolverase desde decembro ata febreiro, baixo o lema “ Merca, tan cerca”, en liña co slogan Betanzos tan cerca, que desde hai anos acompaña as accións promocionais da cidade.

Por cada compra superior a 10 euros que se faga ata o 5 de xaneiro, os clientes recibiran un boleto. Cada boleto entrará no sorteo de varias tarxetas moedeiro, con distintas contías, para gastar no comercio adherido á campaña. O que o goberno Barral presenta como “unha nova acción de impulso ao tecido comercial, empresarial e hostaleiro”, pois, non deixa de ser a clásica campaña de verán de ACEBE, mudada de data. A única diferencia, que en lugar de acebecheques, serán tarxetas moedeiro.

“Sortearase un primeiro premio de 300 euros; un segundo de 200 euros e cinco de 100 euros, ademais doutras 150 tarxetas regalo cada unha delas cargadas con 30 euros” asegura o goberno local, que cifra en 6000 euros o importe desta acción. Porén, a suma destas contías chega só a 5500 euros. Esta diferencia de contías xa provocou suspicacias e burlas nas redes sociais durante a xornada de onte.

“Os agraciados poderán gastar estas tarxetas ata o 28 de febreiro de 2021 en calquera dos establecementos asociados á campaña. Desta forma, no sector comercial, potenciarase tamén a compra no período de rebaixas” sostén a nota remitida polo goebrno local.

Os establecementos participantes, xa sexa comercio, hostalería ou outro tipo de actividade, terán un distintivo da campaña e haberá ademais, sorteos en medios de comunicación e a través de redes sociais onde tamén se poderá optar a tarxetas moedeiro cargadas con 50 euros para gastos nas empresas ou establecementos adheridos á campaña. Serían, pois dez tarxetas deste tipo a xulgar por este importe e o que restaría ata os 6000 euros, 500 euros para selfies e postureo en redes sociais.

Para inscribirse, os comercios e establecementos interesados terán como requisito indispensable permitir o pago a través dunha TPV e inscribirse nun formulario que estará dispoñible en novas.betanzos.gal ou as oficinas do edificio Liceo. Terán de prazo máximo para inscribirse ata o 4 de decembro. A campaña comezará oficialmente o 9 dese mesmo mes.