O goberno local gábase da “ampla participación” nas festas e do seu impacto económico

Barral na Función do Voto

O goberno local mostrou a súa “satisfacción” polo “resultado” das festas patronais de San Roque. Segundo un comunicado remitido polo executivo local, os festexos “destacaron de novo pola súa ampla participación”.

O goberno local asegura que “unha das claves da programación centrouse en ofrecer actividades para todas as idades e cunha homoxeneidade, un equilibrio, en canto á programación diaria cunha alternancia e mestura de eventos de diferente natureza que todos os días congregaron a miles de persoas durante estas dúas semanas”.

O executivo local salienta que as festas “tiveron tamén unha importante repercusión na economía a nivel local”. Remarca que a programación era variada e incluía “teatro, a maxia, as festas infantís, as competicións deportivas, e, por suposto a música, coas mellores orquestras (París de Noia e Panorama, entre elas)” así coma os concertos de “artistas punteiros” como Luz Casal, ou os concertos da Orquestra Sinfónica e Milladoiro.

“Combinado todo iso con tradicións como o globo, as xiras a Os Caneiros e a coroación da Raíña, volveron facer de Betanzos un referente durante este mes de agosto” conclúe o executivo local.

Tres toneladas de lixo nos Caneiros

As festas concluíron coa segunda xira a Os Caneiros “que se desenvolveu cunha mellor afluencia de xente que a primeira” asegura o executivo socialista. Neste caso, foi necesaria a evacuación de cinco persoas por intoxicación etílica.

Os servizos de limpeza realizaron durante toda a xornada de onte diversos traballos no campo coa retirada de 3 toneladas de residuos, xusto a metade que durante a primeira xira.