O goberno local expedienta dous locais hostaleiros por incumprir horarios e ocupar a rúa

Cruce do Rollo coa rúa Rosalía de Castro

O goberno local abriu expediente a dous locais de hostalaría por unha serie de incumprimentos relacionados co horario, a ocupación de vía pública con exceso de mesas, ruídos e televisión en terraza incumprindo as ordenanzas municipais vixentes. “Os expedientes abríronse por mor de denuncias veciñais” xustifica nun comunicado de prensa o goberno Barral.

Segundo asegura o executivo local, nos dous casos “os incumprimentos producíronse de forma reincidente, a pesar das notificacións previas e advertencias realizadas polo Concello”. O goberno Barral fala de “desobediencia aos requirimentos realizados por Decreto da Alcaldía” para amparar unha sanción próxima aos 6000 euros nun dos casos e de 2500 euros no segundo.

Peche e denuncia ante Fiscalía por “desobediencia” á Alcaldía

O executivo local pretende, ademais, pechar un dos locais durante 69 días e de 27 días noutro, e trasládalle tamén os feitos, por desobediencia aos decretos de Alcaldía, ao Ministerio Fiscal por se a conduta fose constitutiva de ilícito penal. O goberno local asegura que “nestes momentos hai en marcha outros expedientes a outros locais de hostalaría por incumprimentos de horarios e por realizar unha actividade para a que non estaba autorizado na súa licenza”.

O goberno local tamén realizará un “control pola instalación de televisións en terrazas públicas” que non se adaptan ás ordenanzas municipais e de licenzas “para que se axusten ás autorizacións municipais concedidas despois de que tamén se producisen denuncias neste sentido” aseguran.