O goberno local di que pasaron 2500 peregrinos no que vai de ano

O albergue está na confluencia das rúas da Pescadería e os Ferreiros

O goberno local asegurou onte, nun comunicado de prensa, que pasaran pola cidade no que vai de ano uns 2454 peregrinos, segundo as estatísticas de consultas da Oficina Municipal de Turismo. Sostén que son practicamente mil máis que o pasado ano, con 1472.

“A esta cantidade habería que engadir outros grupos e persoas que fixeron o Camiño Inglés e que non se pasaron polas oficinas de Turismo” sostén o executivo nun comunicado.

Aseguran que estes números “reflicten tamén a necesidade de contar canto antes co albergue de peregrinos a pleno rendemento”. Recordan que das 35 prazas que ten o establecemento, actualmente só hai operativas seis e que isto xenera “numerosos inconvenientes” aos peregrinos.

Do mesmo xeito, anuncian que reiterarán á Xunta a petición de que a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo inclúa no Camiño do Cantábrico “a roteiro de unión entre Villalba e Betanzos tendo en conta a importancia que ten para Betanzos este traxecto”.

Sostén o Concello que aínda que o número de peregrinos aumentou nos últimos anos, a sinalización nos mapas oficiais deste roteiro posibilitaría a chegada de máis visitantes á cidade e que a pesar de que foi solicitada de forma oficial en varias ocasións, a día de hoxe “non hai comunicación algunha por parte da administración autonómica”.

O Concello mantén que desde hai anos os mapas xacobeos non recollen o camiño de Villalba a Betanzos, algo que para o goberno local “resulta incompresible” tendo en conta que hai documentos históricos que certifican este roteiro, que se une ao pé do Santuario da nosa Señora do Camiño ou dos Remedios co Camiño Inglés.

De feito, o propio Camiño Inglés está mal sinalizado ao discorrer actualmente, no trazado oficial da Xunta, polo camiño do Refoxo, en lugar de pasar ao pé de Nosa Señora do Camiño, como tradicionalmente foi e motivo polo cal toma nome o templo.