O goberno local di agora que foi “vandalismo” o maltrato ás pezas do Pasatempo

Mosaicos amoreados. Imaxe da Asociación de Amigos do Pasatempo

Co porco ou hipopótamo que caeu hai anos tirado a carón do auditorio sobre un palé e sen maiores medidas de conservación e seguridade, o executivo local saíu ao paso da denuncia da Asociación de Amigos do Pasatempo sobre o estado do parque.

Sostén o executivo socialista que os elementos ciscados no vaso do estanque do Retiro débense a actos de “vandalismo” e que as imaxes denunciando o uso de formigón e poliuretano non se deben ás obras de rehabilitación que o PSOE leva anos anunciando sen que cheguen, senón que tan só son actuacións de “consolidación, á espera de executar un proxecto maior de recuperación”.

O goberno local elude a crítica de técnicos especializados en traballos de rehabilitación das últimas horas, asegurando que as actuacións realizadas no Pasatempo desde que a desafortunada decisión de baleirar o estanque deu con parte do templete no chan están “supervisados por expertos e técnicos na materia”. O goberno do PSOE asegura que todos os trámites realizados foron “supervisados por Patrimonio da Xunta” e o proxecto técnico “avalado” tamén por este organismo.

As obras xa protagonizaran un agre debate entre quen sexa que xestiona as redes sociais oficiais do Concello e a entidade conservacionista. Onte e antonte eran os simpatizantes do PSOE quen atacaban á asociación.

Ameaza con denuncias a quen acceda

Visitas no Pasatempo pechado. Imaxe da Asociación de Amigos do Pasatempo

No seu comunicado, o goberno do PSOE evita aclarar por que leva meses parada esta obra pero si reparte ameazas. Advirte que se “reserva o dereito de accións legais” contra as persoas que accedan ao parque. Tampouco asume autocrítica algunha polo feito de que, se ben desde a controvertida pasarela non se pode entrar ao xardín histórico, pola traseira é moi doado. Amigos do Casco Histórico reprobaba onte novamente que malia as súas denuncias sobre o fácil que resultaba acceder por esa parte, o goberno de María Barral non fixera nada por incrementar a seguridade do centenario recinto.

O goberno local asegura no seu comunicado de prensa que trasladou á Policía Local as imaxes que mesmo en redes sociais se gaban de acceder ao parque para denunciar a estas persoas.

E sen dar prazos, novamente e ás portas doutra campaña electoral, como acontecera hai catro anos, anuncia que “en breve” terá un proxecto para rehabilitar o recinto.