O goberno local destaca a normalidade no SAF coa nova empresa

Barral escenificando o seguemento ao funcionamento do SAF. Foto do Concello

O goberno local amosou onte a súa “satisfacción” diante do normal funcionamento do servizo de axuda no fogar (SAF). Facendo noticia de que un servizo funcione correctamente, o executivo socialista remitiu un comunicado no que salienta que o primeiro día coa empresa que seleccionou verbalmente para xestionar o SAF foi “sen incidencias”.

A alcaldesa asegura que realizaron “un especial seguimento para que as persoas usuarias fosen atendidos convenientemente e evitar, na medida do posible, alteracións”.  Asegura que “seguirá realizando un seguimento, xunto á nova concesionaria, do servizo neste inicio” da prestación. A alcaldesa amosouse convencida de que “estamos seguros que todo vai ir nas mellores condicións posibles xa que a empresa lles transmite unha total confianza pola súa experiencia demostrable e o ben que funciona noutros municipios”.

O goberno local insiste no seu comunicado en que o procedemento de licitación para adxudicar o servizo “xa está en marcha desde hai uns días” e que a contratación realizada de maneira verbal pola rexedora encaixa perfectamente na legalidade, respondendo, sen citalo, ao comunicado do BNG a véspera.

“O goberno local reiterou hoxe a súa intención de iniciar a tramitación dun expediente administrativo contra a empresa Tu mayor amigo por falta nas súas obrigas de continuidade do servizo e as consecuencias xeradas pola súa decisión” insisten tamén, logo de que a empresa marchase e o BNG cuestionase que o executivo socialista se pregase en todo momento aos intereses da mercantil.