O goberno local deseñará un roteiro sobre o trazado da ruta da auga

BTT infantil no Carregal. Foto de dospuntocerosportteam

O Concello traballa no deseño dunha ruta BTT coa idea de recuperar a denominada Ruta da auga. Trátase dun proxecto que o goberno local pretende completar con rutas de sendeirismo dentro dun programa que denominará Betanzos Activo. O concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, explicou que o obxectivo desta primeira ruta BTT é recuperar trazado da antiga “ruta da auga” e que, aínda que se proxecta no municipio de Betanzos, a idea é que o “proxecto poida abrirse a outros concellos próximos como Paderne, Coirós e Oza dos Ríos”.

A creación desta ruta non só é “atractiva para os numerosos afeccionados á BTT que hai en Betanzos senón tamén como polo de atracción turística”. “Non en balde, Betanzos conta cunha área de autocaravanas que é referencia en Galicia e que unha ruta de BTT como esta sería un complemento perfecto para ese tipo de turismo”, indica o edil.

O obxectivo é que o proxecto se inicie en Betanzos mais que neste se involucren outros concellos e así crear unha armazón de vías rurais que conten con sinalización, información de servizos e turística. As rutas que se creen poderán ser utilizadas tanto por BTT como a nivel sendeirismo.

Antes da creación, encargarase un proxecto no que se definirá o percorrido, os puntos de interese patrimoniais ou naturais máis importantes desta, un estudo de patrimonio, planos, posta en marcha de programas de soporte dixital, e un estudo de custos de mantemento. “É un proxecto que aínda que nacerá en Betanzos téñense que involucrar distintas administracións” asegura Hermida poñendo un horizonte a medio prazo ao proxecto.