O goberno local demanda á Xunta que extenda o REXURBE a máis barrios do Casco Histórico

O goberno local do PP foi o responsable de cubrir estas fachadas coa escuma de poliuretano laranxa

O goberno local pretende que a Xunta amplíe o radio de acción de compra de vivendas no centro histórico nas súas próximas convocatorias tendo en conta as dificultades que houbo nas últimas convocatorias para que os propietarios e as propietarias de inmobles situados na rúa da Cerca e arrabaldes reunisen as condicións marcadas pola Consellería de Medio Ambiente para poder incluír as súas vivendas neste programa de compra.

María Barral destacou que o programa que está a levar a cabo a Consellería de adquisición de vivendas “está a resultar positivo para incentivar a recuperación de inmobles e a súa posta a disposición como vivendas en réxime de alugueiro”.

As últimas convocatorias para a adquisición de vivendas continuaron centrándose na zona da Cerca e as rúas adxacentes co que “cada convocatoria resulta máis difícil que as persoas propietarias que xa non cumpriron as condicións na anterior, poidan cumprilas na seguinte, co que se esgotan as vías para poder a disposición do programa novos inmobles”.

Nesta situación, a proposta que o goberno local lle reiterará á Xunta pasará por ampliar a zona de compra a outras rúas do centro histórico nas que sabemos que hai persoas propietarias dispostas a participar no programa da Xunta “e que poden cumprir as condicións”. O obxectivo, para a alcaldesa, é “incentivar a recuperación de inmobles en todo o centro histórico e non centralo só nunha única zona”.

María Barral fixo especial fincapé en manter e potenciar a colaboración que existe entre as dúas administracións para o desenvolvemento estes programas de adquisición de vivendas, froito tamén da boa sintonía que existe coa conselleira, Ánxeles Vázquez, no desenvolvemento destas accións.

Nas anteriores convocatorias, o Concello informou ás persoas propietarias a través da Oficina municipal de Rehabilitación, situada no centro histórico xa que se trata dun programa de suma importancia para Betanzos co que, xunto a outras actuacións, incentiva que particulares que ata agora “non se decidiron a executar obras de rehabilitación de inmobles nesta zona do centro histórico o fagan”.