O goberno local defende a obra a carón das Catro Estacións por provisional e o BNG denuncia que Barral non entrega os permisos para facela

A pista e os colectores ao fondo. Foto do BNG

O goberno local defendeu onte, en declaracións a La Opinión de A Coruña, a pista de salto de lonxitude construída a carón do vaso da fonte das Catro Estacións, dentro do perímetro de máxima protección patrimonial e de cautela arqueolóxica do BIC do Pasatempo. En declaracións ao rotativo da coruñesa rúa da Franxa, o edil responsable de patrimonio e deportes, Andrés Hermida, defendeu a intervención realizada polo goberno local asegurando que é unha “actuación provisional”.

Eludiu aclarar se as obras contaban co preceptivo permiso de Patrimonio ao realizarse dentro do ámbito de máxima protección do BIC do Pasatempo e insistiu en que a obra foi solicitada polo clube de atletismo. Alegou, para evadir as críticas, que “non é ningunha execución definitiva” porque o entorno no que o executivo local optou por construír esta pista “está sometido ao proxecto de recuperación do Pasatempo.

Coa vista no retrovisor, o concelleiro de patrimonio asegurou que no 2008 se realizou unha obra nese entorno, para instalar a actual superficie de xabre e que a obra que acaba de realizar o executivo socialista “só se corresponde a unha acción na superficie do recheo de xabre para acondicionar a pista de salto”.

O BNG denuncia que o goberno local non entrega os permisos de Patrimonio

Xosé Regueira, Mercedes Queixas e Amelia Sánchez na presentación da iniciativa no Pasatempo. BNG

O BNG, que levara o asunto á sesión plenaria celebrada a primeiros de decembro, cando se estaban a abrir gabias a carón da fonte, denunciou onte na rede social do paxaro azul que os permisos de Patrimonio para abrir as zanxas neste entorno levan pedidos “case dúas semanas e esta mañá, cos habitual excusa do descoñecemento, negáronnos a documentación no Concello”.

“Polo de agora, e como ven sendo tristemente habitual, o PSOE mantén a súa tónica de opacidade e non nos entregou esta documentación malia vencer xa os prazos que a Lei marca para isto, e por algo será que non nolos dan”, censuran os nacionalistas.

Amigos do Pasatempo endurece o discurso contra o goberno Barral

Acabouse a lúa de mel da asociación de Amigos do Pasatempo co goberno local, que principiara o verán pasado tras a remuda á fronte da entidade. Rematou o tempo dos corazonciños nas redes sociais tras as xuntanzas coa alcaldesa tras a enésima agresión ao parque enciclopédico por un executivo socialista. A asociación publicaba onte nas redes sociais que “a semana pasada solicitamos por rexistro o expediente do concello e o permiso da Dir. Xeral de Patrimonio. Cal pensades que recibiremos antes? Existirán as dúas?”. Toda unha declaración sobre a fe depositada no bo facer do executivo Barral.

O presidente de Amigos do Pasatempo coa alcaldesa.

Nun fío con varios chíos, a entidade recorda que o goberno Barral anunciara a reparación en cuestión de días do último desprendemento no parque- precisamente a cara dunha das Estacións desta fonte-, compara a construcción da pista de salto cunha brabuconada froito dunha noite de copas e exixe saber “Quen mandou construir iso? Tiñan permiso do concello? E de Patrimonio?” advertindo que “resulta que a lei di que o provisional tamén é ilegal…” para rebatir as explicacións dadas desde o goberno que preside María Barral.

A construcción da pista non pasou desapercibida alén do noso municipio e o portal especializado Maltrato da Paisaxe fíxose eco da última agresión do goberno do PSOE ao centenario parque enciclopédico. Non sen recoñecer que pensaran, pola data, que esta construcción era unha broma polos Santos Inocentes. Nas redes sociais, nin sequera os simpatizantes máis acérrimos do PSOE foron quen de defender a obra, porque o sentido común apuntaba copiosamente que “será por sitios” para facer a pista se se precisa.

Máis obras sen criterio no BIC ao pastear o muro orixinal que queda en pé

O pano orixinal que queda do muro en febreiro de 2020

O executivo local adiou calquera intervención no parque á declaración como Ben de Interese Cultural. Agora que isto é realidade, logo de anos de pugna, tampouco semella capaz de preservar os elementos do parque, nin sequera no caso da fonte das catro estacións, reparada hai apenas uns anos.

Non en van, o propio goberno socialista recorreu á declaración provisional do Pasatempo como BIC para eliminar parte da zona de protección do mesmo, no entorno da fonte das catro estacións e o vello muro de peche entre piscina e polideportivo.

Sobre este último actuou hai uns meses, xusto antes do confinamento. Do abandono total do muro pasou a, cando xa era ben de interese cultural, un cuestionable pasteado de cemento sen ningún tipo de criterio nin respecto aos vestixios sobre os que actuaba. O tempo, e a desidia do equipo de goberno, seguen correndo en contra do parque enciclopédico que extasiara a Seoane.