O goberno local chapoda as camelias de José Fariña para atender “queixas” veciñais

Rúa Doutor José Fariña

Chapodadas de calquera maneira apareceron hai uns días as camelias que adornan a empinada rúa José Fariña, unha das poucas do centro urbano con arbolado. O executivo local remitiu un comunicado de prensa anunciando que a actuación respondía ás queixas veciñais que supostamente tería recibido sobre as molestias que ocasionaban as árbores, que se manteñen en formato seto sobre estreitas beirarrúas de maneira inexplicable.

O acto non pasou inadvertido. Numerosos veciños cuestionaron nas redes sociais que o executivo chapodase as árbores, demandando que se configuren como as do treito final da rúa Seijo Rubio, de maneira que dean sombra, embelezan as rúas e non molesten. Estas presentan tronco elevado, para poder transitar sen problema baixo elas, e a poda limítase a recurtar con forma redondeada as copas.

Expertos da comunidade escolar do CFEA de Guísamo consultados por Xornal de Betanzos advirten, ademais, de que o tratamento dado ás árbores de José Fariña provocan o incremento de madeira no corpo das árbores e reduce a floración, que é o principal motivo de plantar camelias nos espazos públicos.