O goberno local cambia de versión tamén coa pista de salto: agora a culpa é do operario que a construíu

Barral opta por manter a Hermida no cargo malia os escándalos. Imaxe do Concello

Sen dar resposta á pregunta presentada polo BNG no úlitmo pleno ordinario e moito menos sen convocar aínda o pleno extraordinario sobre o tema que ten solicitado o PP, o goberno local cambia de versión sobre a controvertida pista de salto de lonxitude construída en pleno Nadal a carón do vaso da Fonte das Catro Estacións, un recinto protexido pola declaración de BIC do parque coa máxima garantía patrimonial.

Ata agora a versión do goberno Barral era que a pista era “provisional”, que a construcción- que non cumple coas dimensións mínimas establecidas pola federación de atletismo- fora demandada polo clube de atletismo local e que “non é ningunha execución definitiva”. O edil de Urbanismo, Patrimonio e Deportes, Andrés Hermida, evitou durante todo este tempo aclarar se as obras foran autorizadas por Patrimonio ao facerse no entorno protexido da fonte e a alcaldesa, María Barral, optou polo seu tradicional silencio ante cada actuación clamorosa do executivo que preside.

Constatada xa non so a ausencia de autorización de Patrimonio senón mesmo que o departamento da Xunta abrira dilixencias contra o Concello ao enterarse da actuación, o goberno Barral cambia de versión. E agora Hermida, en nome do executivo socialista, acusa á “persoa responsable da execución da obra” como causante da instalación a carón do vaso da fonte, en declaracións a Betanzos e a súa comarca.

O edil non aclara ao mensual de ACEBE como é que detecta agora este “erro de comunicación entre o Concello e a persoa responsable da execución da obra” sobre o que non dixo nada desde finais de decembro, cando trascendeu a construcción da pista e foi denunciado por primeira vez polo BNG en sede plenaria. Tras dous meses gardando silencio, xustificando a actuación como “provisional” Hermida, en nome do goberno Barral, culpa ao operario que abriu as gabias.

Iso si, sostén que a actuación é “legalizable” dado que non “supuxo ningún dano” e teima en que os traballos son “superficiais”. Agora, para poder demolela, haberá que agardar a autorización de Patrimonio que o goberno Barral evitou solicitar antes de gastar os cartos públicos en construír e retirar a pista a carón da fonte e do estadio.

Despois de dous meses cuestionando as críticas á instalación, Hermida cambia de criterio e recoñece que “esta non é a ubicación axeitada” e que a pesar de ser unha instalación “provisional” e “legalizable”, recoñece agora que todo “isto non é xustificación” para ter instalado a pista.

Anuncia que construirá unha nova pista no entorno dado que alí está a pista de ciclismo e o campo de fútbol, que ten nas bandas espazo suficiente para este tipo de instalacións sen agredir o patrimonio.

As versións cambiantes de Hermida tras o polémico churrasco provocaron a súa saída da candidatura ao Parlamento

Hermida protagonizou outro controvertido cambio de discurso tras ser sorprendido incumprindo o confinamento domiciliario do anterior estado de alarma, a pasada primavera. Tres comunicados distintos, con tres versións diferentes e que chegan a  opostas en apenas 24 horas. Esa foi a evolución dun Andrés Hermida que cheo de soberbia sinalaba, primeiro ao PP e logo a unha veciña particular como autores da grabación e a súa filtración, ofrecendo denuncias. “He venido para quedarme” aseguraba nun extenso comentario na rede social facebook e finalmente asinaba un novo texto, moito máis comedido, como agora, recoñecendo erros tras teimar na defensa dunha actuación indefendible desde o punto de vista ético.

Un 86,08% dos lectores que decidiron participar na enquisa publicada por Xornal de Betanzos na altura cría que o edil debe presentar a dimisión. O 54% por considerar que as normas son iguais para todas as persoas e algo máis do 31% apelando á exemplaridade dos representantes públicos. Das 747 persoas que participaron, 95 (algo máis do 12%), defenden a súa continuidade. O PSOE decidiu, á vista do escándalo suscitado, borrar o seu nome na candidatura ao Parlamento.