o goberno local boicotea a folga feminista do 8m cuns servizos minimos excesivos

A alcaldesa e o edil de persoal (á dereita da imaxe)

A CIG denunciou que o goberno local impón uns servizos mínimos excesivos na xornada de folga feminista do vindeiro día 8 de marzo. Explica que o executivo do PSOE contou co aval de UGT, CSIF e CCOO e para impoñer que haxa unha persoa no rexistro municipal, un conserxe nos colexios, cumprir a ratio na escola infantil municipal (o que segundo a CIG sería impedir que 5 traballadoras non poidan secundar a folga) e no servizo de axuda no fogar “segundo o informe de necesidade”.

A CIG solicitou que nos postos que hai prazas ocupadas por mulleres e homes, se nomeen para os servizos mínimos homes. Denuncia que “o ano pasado se nomeou unha muller para rexistro cando tamén hai auxiliares administrativos homes”. Nese momento, o concelleiro de Persoal retrucou, segundo a Intersindical Galega, “que se falara expresamente coa traballadora”.

Segundo o primeiro sindicato entre o persoal laboral, o socialista Diego Fernández “fixo público así un comportamento manifestamente irregular, posto que non se lle pode preguntar ás traballadoras se van facer folga, as traballadoras teñen dereito a facela, non teñen a obriga de comunicalo e se non lles chega unha notificación conforme forman parte dos servizos mínimos poden facela libremente”.

O goberno incumpriu a ratio na escola infantil pero úsaa para boicotear a folga

“A gravidade destes servizos mínimos acordados cos outros tres sindicatos vén motivada porque o Concello ten incumprido historicamente a ratio en moitas ocasións na Escola Infantil e as propias traballadoras llo teñen indicado tanto por escrito como verbalmente, facendo este caso omiso ata que aparecía a Inspección da Xunta de Galicia” lembran desde o sindicato.

“Agora nunha folga, onde os servizos deben ser mínimos e calquera que non se preste en fin de semana non tería nin porqué abrir pretende que se cumpra tal ratio e impedirá o dereito á folga da maior parte das traballadoras da Escola Infantil, un sector totalmente feminizado, así como o dos Servizos Sociais, e que demostra claramente que o traballo dos coidados segue sendo desenvolvido en grande medida polas mulleres” aseguran.

A CIG espera a que se publique o decreto de servizos mínimos para recorrelo por entendelo “claramente abusivo e tentar vulnerar o dereito das traballadoras á folga o vindeiro 8 de marzo”.

Así mesmo, considera unha actitude “claramente machista” por parte do concelleiro de Persoal, Diego Fenández, que “non acepte a proposta de que nos postos nos que hai homes non nomee a mulleres para servizos mínimos, e afonde na dificultade para facer folga das mulleres o vindeiro 8 de marzo”.

“Entendemos que esta é unha petición lóxica que simplemente facilitaría a asistencia á folga das mulleres, polo visto, non pensan o mesmo nin o goberno do PSOE nin os sindicatos UGT, CSIF e CCOO que non se pronunciaron con respecto a esta proposta da CIG e, a maiores, votaron a favor dos servizos mínimos propostos polo goberno municipal” conclúen.