O goberno local autoriza a demolición da casa do cruceiro de Bellavista

bellavista cruceiro

A casa do cruceiro de Bellavista, valada para a demolición

O 5 de setembro de 2018 o camión con guindastre do servizo municipal de obras derrubaba parcialmente a vivenda contigua ao cruceiro de Bellavista, no cruce da avenida de Castela coa rúa Concepción Arenal. O camión enredou a pluma- mal recollida- no cableado fixado á fachada lateral do inmoble, provocando o derrubamento de parte das paredes do primeiro andar cando aínda non eran as doce da mañá.

Agora, un ano despois, o pasado 22 de agosto a xunta de goberno local autorizaba a demolición parcial desta vivenda unifamiliar que levaba décadas deshabitada e en progresivo estado de ruína. A vivenda, en solo urbano denso, quedará reducida á planta baixa, e “en atención a criterios de integración no entorno, o muro e o tapiado dos ocos deberá presentar o seu acabado correspondentemente enfoscado e pintado”.

Desde que se outorgou a licenza, o prazo para iniciar as obras era dun mes e o prazo máximo para executalas de 4, “sen prexuízo da posibilidade de solicitude de prórroga antes da conclusión do prazo máximo”. A vivenda é das últimas de tipoloxía tradicional que quedan no que fora barrio xudeo de Betanzos.

O goberno local non deu ningún tipo de información sobre o percance, nin por medio de comunicado de prensa nin sequera a través das redes sociais, onde a expectación e curiosidade foi unha constante no día do derrubo nin posteriormente. O executivo de María Barral optou polo silencio, e aínda a día de hoxe non esclareceu por que o vehículo municipal circulaba co guindastre mal recollido, incumprindo polo tanto a normativa de seguridade.

Antes desta demolición parcial, o Concello tivo que afrontar o custo do aseguramento do inmoble con cargo ás arcas públicas.  O deterioro da vivenda ocasionou varias iniciativas plenarias debido á ameaza que supuña para a parada do transporte escolar ubicada aos seus pés.