O goberno local asegura que necesita máis permisos para a rehabilitación do convento das Donas

O convento de Donas no barrio da Condesa. Ao fondo, bloque de pisos sobre o espazo que ocupou a súa capela

O goberno local anunciou onte que segue tramitando máis permisos sectoriais de distintos organismos para poder acometer a rehabilitación do Mosteiro de Donas. O executivo asegura que tamén está á espera da autorización de Patrimonio da Xunta para poder afrontar a recuperación do antigo cenobio, que leva prometendo o goberno local do PSOE, desde hai máis de 11 anos.

Ademais de necesitar permiso de Estradas e da Xunta por estar emprazado no Camiño Inglés, foi preciso tamén recabar autorización a Augas de Galicia porque as ruínas do inmoble máis antigo da cidade están nas marxes do Mendo.

O goberno local presentou un proxecto, que entre outras cousas prevé un patio semiporticado a xeito de claustro nun espazo onde está documentado que non había tal cousa. Sen precisar se foi por isto ou por outro motivo, o executivo si que fixo público que Patrimonio pediu modificacións que xa se efectuaron e falta a autorización definitiva para poder sacar a obra a licitación.

As obras de rehabilitación deste importante patrimonio betanceiro estaban incluídas no POS da Deputación do ano 2018, mais aínda nin sequera se contrataron.