O Goberno local anunciou que aprobará hoxe sacar a contratación a redacción do PEPOCH

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da alcaldesa, María Barral, na sinatura do convenio para redactar o PEPOCH Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

A Xunta de Goberno local de Betanzos anunciou que aprobará hoxe sacar a contratación a redacción do novo Plan Especial de Protección do Centro histórico ( PEPOCH).

A redacción deste documento terá un custo estimado de 150 000 euros e será financiada con axudas da Xunta. O convenio foi asinado entre a alcaldesa e a conselleira no mes de xullo.

A alcaldesa, María Barral, sostivo onte que o Concello non puido dar antes o paso porque estaba á espera dos informes previos necesarios, entre outros, un diagnóstico da situación actual do centro histórico.

O PEPOCH de 1992 fracasou na recuperación do Casco Histórico

O goberno local do PP foi o responsable de cubrir estas fachadas coa escuma de poliuretano laranxa

A finalidade deste tipo de plans especiais é estudar os espazos que se localizan dentro dun determinado Casco Histórico para garantir que teñan un futuro, permanezan activos, ofrezan servizos e revitalicen as cidades e vilas nas que se atopan, coa posibilidade de definir novos usos e conservar todo aquilo que defina o propio plan, recorda a Xunta.

Un cometido no que fracasou o plan de 1992 a xulgar polo estado que presentaba naquela altura a zona monumental betanceira e o estado actual da mesma.

Segundo a Xunta, Betanzos foi no seu momento un “concello pioneiro” á hora de dotarse dun dos primeiros PEPOCH de Galicia e grazas ao convenio asinado hoxe, como indicou a conselleira, “contará o antes posible cun plan especial do Casco Histórico adaptado á súa realidade e ás súas necesidades”.

O executivo local leva anunciando, desde hai máis dun lustro a revisión do fracasado PEPOCH de 1992. Nos últimos anos, o anuncio saltou á palestra cada vez que unha casa se desplomaba na zona nobre da cidade.

O goberno socialista saca a contratación a redacción do PEPOCH sen contar cun Plan Xeral aprobado. O PSOE muda de criterio, xa que ata o de agora adiou a contratación deste documento asegurando que antes tiña que contar cun Plan Xeral aprobado e en vigor.