O goberno local anuncia, sen proxecto nin fondos, o amaño dos aseos baixo a Alameda

Os baños públicos están no subsolo da Alameda

O goberno local anunciou que remodelará en 2020 os aseos públicos situados baixo a Alameda. Tras anos de continuas queixas polo estado que presentan os servizos sanitarios que se renovaran hai unha década, o executivo socialista anuncia a instalación de baños “autolimpiables”. Pero só para os situados baixo a Alameda, os da Fonte de Unta, baixo a praza de Domingo Etcheverría, seguirán pechados a pesar das reclamacións do PP.

O goberno local escúsase nos problemas de mantemento que, din, ocasiona a falta de control de acceso aos sanitarios durante todo o día. Afirma que a opción que anuncian, o baño autolimpiable, garante limpeza automática de maneira que “péchase e límpase só automaticamente”, asegura un voceiro do executivo local, cuxo nome non trascendeu, que sostén que xa solicitaron varios orzamentos.

Afirma o goberno Barral que financiará a obra a través “dalgún programa provincial” durante 2020. Porén, non ten nin orzamento estimado, nin proxecto para a intervención, no subsolo dun espazo protexido patrimonialmente.

Só hai un plan provincial e o goberno local non incluíu a obra nel

Un vistazo ao web da Deputación bota por terra semellante afirmación do executivo local. Unha vez que anunciaron que destinarán o Plan Único POS+ do vindeiro ano a crear unha rotonda na confluencia da avenida Juan García Naveira coa estrada de circunvalación e o Camiño Real de Infesta e mais a amaño dos Soportais da Cañota, non hai outro plan provincial no que incluír a obra.

As subvencións de medio ambiente que concede a Deputación a concellos son para actividades. Este ano o goberno Barral non a solicitou, se bemn non valería para investimentos deste tipo, xa que servía para financiar, segundo as bases, entre outras actuacións durante o 2019, catálogos de protección do patrimonio natural do municipio, plans municipais de actuación contra as especies invasoras e de defensa da biodiversidade, plans de xestión de residuos municipais, agrícolas e gandeiros, industriais, hospitalarios, de cascallos e de obras que inclúa propostas de actuación en materia de reciclaxe, tratamento, eliminación, minimización, recollida selectiva de residuos, etc,