O goberno local anuncia que vai contratar o proxecto para construír a estrutura da Casa Gótica

Imaxe de arquivo do solar que ocupou a Casa Gótica

O goberno local anunciou novamente que executará de forma subsidiaria “os traballos de estabilización da fachada lateral do número 5 da rúa da Cerca, a coñecida como Casa Gótica”. “A decisión foi tomada ante o risco de desmoronamiento para a vía pública do muro situado na parte dereita da finca, como así se desprende do informe técnico emitido polos servizos municipais” xustifica o executivo nun comunicado.

“A actuación por tanto será de carácter inmediato e subsidiaria con todos os gastos, danos e prexuízos a cargo da propiedade” engaden.  O valor estimado das obras ascende a case 22 000 euros. A empresa adxudicataria dos traballos renunciou aos mesmos polo que o Concello, dada a urxencia da realización das obras para realizar, consultou con outra empresa construtora que aceptou os traballos. A contratación e posterior renuncia atrasou o inicio das actuacións, contra a vontade do propio Concello que espera executar as obras a finais do pasado ano.

O goberno local explicou que a decisión, á marxe do estado do muro, responde a “unha intención clara de recuperar o inmoble” e que a propiedade asuma a súa responsabilidade. “Non podemos seguir máis tempo soportando unha situación como esta e por iso imos establecer todos os mecanismos que estean ao noso alcance para que se recupere o inmoble”, sinalou a alcaldesa, María Barral.

Neste sentido, anunciou que a Concellería de Urbanismo encargou “a redacción do proxecto técnico para levantar a estrutura da casa”. A partir de aí buscarase a maneira de levalo a cabo, pero ese ten que ser o primeiro paso, dispoñer dun proxecto técnico que contemple levantar a estrutura da vivenda”.