O goberno local anuncia que presenta na Deputación o proxecto para rehabilitar o Estanque do Retiro

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

O goberno local anunciou que onte a alcaldesa, María Barral, entregou na Deputación o proxecto de restauración do Estanque do Retiro, “no que será a primeira fase de recuperación do parque enciclopédico” sosteñen. Segundo o executivo local, o proxecto técnico foi presentado despois de que Patrimonio dese autorización á execución das obras.

O executivo socialista asegura que este paso era un “requisito imprescindible para que agora Deputación e Concello asinen o convenio de colaboración para investir no parque 750 000 euros”, unha contía, porén, que a área de Patrimonio da Deputación ten a disposición do Pasatempo desde hai ano e medio e que, malia a situación do parque enciclopédico, o goberno Barral aínda non solicitara formalmente.

O goberno local asegura que tras a sinatura dese convenio “o Concello sacará de inmediato a licitación os traballos. Trátase da mesma “inmediatez” que Barral ven anunciando recorrentemente, sen cumprir tal premura de prazos, desde que en outubro de 2018 caera parte do Estanque do Retiro tras uns traballos de baleirado do mesmo que aínda a día de hoxe seguen sen esclarecerse, a pesar das demandas da Asociación de Amigos do Pasatempo – coa que o propio goberno local chegou a enfrontarse publicamente nas redes sociais- e da oposición, que chegara a forzar un pleno extraordinario sobre o derrubamento do Retiro.

O proxecto presentado supón, segundo datos do propio goberno local, “un investimento de 480.000 euros”. Implicará “conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural, así como axeitados desde o punto de vista estético; á vez de intervir no material escultórico para a súa estabilización e conservación, evitando en xeral completar as pezas deterioradas, propoñendo cinguir a reintegración volumétrica a aqueles elementos que resulten perturbadores para o ollo do espectador, e para conquerir que se facilite a lectura escultórica”.

Estes números evidencian a falta de realidade do proxecto presentado polo goberno local hai case 4 anos, que cifraba en 1,3 millóns a recuperación integral do conxunto. Tras meses de tirapuxas por coñecer o contido do proxecto, o propio executivo socialista reducíao a unha “memoria valorada” que, con todo, fica moi lonxe do custo real da intervención a xulgar polo que custará recuperar o Estanque do Retiro tras lustros de abandono e modificacións constantes do nivel de auga.

Barral aproveitou a presentación do proxecto para arremeter novamente contra a Xunta. Criticou nun comunicado que “a Xunta non amosase, a día de hoxe, a mesma disposición que a Deputación a pesar de que publicamente, en varias ocasións, anunciaron o seu compromiso”. E exixiu “que a Xunta achegue, como mínimo, a mesma cantidade que a Deputación, tendo en conta que, ademais, trátase dun Ben de Interese Cultural”.  A primeira edil indicou que non pode “poñer de excusa non dispoñer de proxecto, xa que como se lle explicou á Xunta, a intención é realizar proxectos por fases e ir dispoñendo de viabilidade económica para facelos. Por iso é polo que se busca a vía dun convenio e que entre as tres administracións programemos as actuacións futuras”.

Reforzo dos elementos en risco de caída

Os criterios xerais desta primeira fase da actuación será asegurar ou reforzar os elementos estruturais que presenten risco de caída, derrubamento ou alteración significativa; unicamente despois de asegurar esta e calqueira outro con especiais requirimentos estruturais, procederase á intervención da restauración sobre os elementos decorativos.