O goberno local anuncia que “flexibilizará” a colocación de terrazas para “axudar” a hostalaría

Locais hostaleiros na praza do Campo

O goberno local anunciou onte que “estudará caso por caso” a situación das terrazas de cada local de hostalaría para “autorizar a ampliación da superficie e poder minimizar o impacto” das disposicións do estado de alarma no tocante á reapertura da hostalaría, prevista para o día 11. Segundo unha nota remitida polo executivo local, “o obxectivo é flexibilizar ao máximo esta medida” para “axudar aos hostaleiros e hostaleiras” para que poidan aumentar a superficie “de maneira temporal e extraordinaria” e “perdan o menor número de mesas posibles, tendo en conta da redución de capacidade que tamén terán os locais no seu interior”.

“A ampliación de superficie irá ligada á posibilidade de aumentar na mesma proporción o paso peonil” aseguran, dado que tamén o executivo local é responsable de garantir pasos seguros para os transeúntes, conforme as disposicións dun estado de alarma que o executivo socialista se coida moito de nomear tras ser sorprendido o edil de urbanismo incumprindo as súas disposicións.

Serán precisamente os servizos desta concellaría quen autoricen a ampliación ata nun 25% da superficie que actualmente ten concedida cada establecemento. “No entanto, as características da zona, a súa localización, e que a ampliación non lle afecte, en ningún caso, ao paso peonil, e manter as distancias de seguridade esixidas nas normativas estatais, marcarán se se pode ou non autorizar a ampliación” abundan. Tamén adiantan, nun comunicado sen declaracións textuais do edil da área ou da alcaldía, en contra do habitual proceder do goberno Barral, que prevén “a supresión do pagamento por terrazas á hostalaría, dentro do programa de accións de axuda á economía local”.