O goberno local anuncia que en breve comezará a redactar o novo PEPOCH

O goberno local do PP foi o responsable de cubrir estas fachadas coa escuma de poliuretano laranxa

O goberno local anuncio que nos próximos días se iniciarán as reunións de planificación coa empresa adxudicataria da redacción do plan especial de protección do centro histórico, PEPOCH, que deberá estar aprobado en 2022. A revitalización do centro histórico é un dos “obxectivos principais do goberno local e iso vai aparellado, sen dúbida, á revisión do plan, unha das accións prioritarias e ineludible para este goberno”.

Previamente á redacción do Plan, o goberno local realizou unha serie de informes previos, é dicir, “xa temos moitos deberes feitos con datos de medio físico, poboación, infraestruturas, edificacións e construcións, usos do solo, interese e valores culturais etc., tanto recompilando os datos existentes en arquivos ou outros fondos como efectuando os traballos de campo precisos para a actualización dos mesmos, polo que xa hai moito andado”.

O documento foi unha promesa constante cada vez que caía unha vivenda no Casco Histórico ao longo dos últimos anos, sen que se desen pasos en firme por actualizalo ata hai uns meses.

O novo Plan especial substituirá ao actual Pepoch, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña na sesión do 02/12/1992 (BOP n.º 299 do 30/12/1992) e redactado ao abeiro da Lei 16/1985, de 25 de xuño, de patrimonio histórico español. O plan especial será un documento adaptado á normativa vixente, é dicir, á Lei de patrimonio, co que pretendemos “potenciar a rehabilitación e a recuperación de inmobles. Será un plan acorde á situación actual, mais cumprindo, como non podía ser doutra maneira, as normativas e o que nos permitan estas”.

O obxectivo, indicou, pasa por garantir o futuro do centro histórico como un espazo activo, dinámico, que ofreza servizos e que revitalice a cidade no seu conxunto, definindo usos e conservando o que se estableza no plan especial. Temos unha xoia que queremos conservar, dinamizar e potenciar… Para a contratación deste documento o Concello contou cunha achega duns 150 000 euros da Consellería de Medio Ambiente tras a sinatura dun convenio entre as dúas administracións.