O goberno local anuncia o inicio dos traballos de limpeza do León Colosal do Pasatempo

Pintadas no León Colosal

O goberno local anunciou que comezou os traballos de limpeza do león colosal do Pasatempo. A peza non é orixinal, senón unha reconstrucción libre realizada segundo o deseño de Francisco Escudero nos anos 90, sen ningún valor patrimonial. O executivo local e Patrimonio, porén, tratan a limpeza deste elemento como se se tratase dunha parte integrante do recinto orixinal e foi preciso que Patrimonio autorizase os traballos.

O comunicado do goberno local destaca que os traballos realizaranse segundo proxecto dun “técnico superior de artes aplicadas á escultura” e consistirá na “limpeza química de pintadas, é con técnicas nas que se utilizan axentes químicos, xeralmente aplicados en disolucións que atacan a mancha e a disgregan”.

“O persoal técnico irá probando en varias zonas unha serie de disolventes de menor a maior polaridade e de menor a maior toxicidade” explica o goberno local nunha nota de prensa, abundando en que en función do resultado das probas iranse aplicando outros produtos e técnicas progresivamente ata conseguir a eliminación da pintada. “Ademais do técnico especialista en escultura, os traballos desenvolveranse coa supervisión dun/a restaurador/a da escola superior de conservación e de bens culturais” asegura o executivo.

Todas estas cautelas non foron seguidas, porén, polo executivo socialista na reconstrucción do parque nos anos 90, na que, entre outras actuacións, foron demolidos os restos do león orixinal e tirados, en lugar de conservados, e foi construído esta nova estatua, ademais de falsearse moitos elementos do Pasatempo orixinal nunha controvertida actuación.