O goberno local anuncia o inicio das obras da rúa Nova e do Hórreo

A rúa do Hórreo, que toma nome do vello hórreo de Sobrado, desde a dos Ferreiros

O goberno local anunciou o inicio dos traballos de instalación de novos servizos e renovación da pavimentación das rúas Nova e do Hórreo. Os traballos están financiados polo Plan Único da Deputación do pasado 2019. “Con elas, dáse continuidade a actuacións similares realizadas nesta mesma zona”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, que visitou os traballos xunto ao concelleiro de Obras, Diego Fernández e o persoal técnico municipal.

Os traballos prevén o derrubamento do pavimento actual, así como a escavación de gabias para a colocación dos novos servizos de saneamento, pluviais e abastecemento, dentro dun proxecto que pretende contribuír a reforzar os valores arquitectónicos e espaciais contribuíndo así á súa revalorización patrimonial, social e turística, ademais por suposto de optimizar o funcionamento das instalacións urbanas.

A rede de saneamento será separativa, substituíndo a actual canalización de formigón por tubaxe de PVC, realizándose unha nova rede de recollida de augas pluviais. Con respecto ás infraestruturas ademais das canalizacións correspondentes realizaranse novos pozos de rexistro de formigón, arquetas de acometida dos distintos servizos e sumidoiros para a recollida de pluviais. A pavimentación da rúa realizarase con laxas de granito en todo o seu trazado incluíndo a banda de rodaxe dos vehículos.

Para a nova pavimentación respectarase a cota actual da rasante da rúa, dándolle unha pequena inclinación cara ao centro desta para evitar que a auga de choiva circule próxima ás fachadas dos edificios, aínda que, para a recollida de pluviais, disporanse sumidoiros no centro da calzada que irán recollendo os distintos tramos de ambas as rúas na totalidade do seu percorrido.

A pavimentación da rúa realizarase con laxas de granito. Renovarase todo o parque de sinalización urbana sobre os postes metálicos, así como instalación de papeleiras e bolardos fixos. Exponse este tipo de bolardo, nos laterais da beirarrúa anexos aos pasos de peóns co obxectivo de evitar a invasión dos mesmos por parte dos vehículos. O orzamento previsto alcanza os 120 000 euros.