O goberno local anuncia aluguer de casas da Xunta na inexistente rúa “do Preto”

Captura de pantalla do anuncio do goberno local. Facebook do Concello

O anuncio do goberno galego de iniciar a adxudicación das vivendas que ten no Casco Histórico colleu co pé cambiado ao goberno local. Ansioso de arrimarse á nova, o executivo municipal compartiu a nova da prensa nas redes sociais oficiais do Concello, atribuíndoo a unha suposta “colaboración” entre ambas institucións cando o papel do consistorio se reduce a outorgar licenza de obra.

As présas e o tradutor automático volveron xogar unha mala pasada á política de redes sociais do goberno Barral. Uns e outras aliáronse para convertir no seu anuncio a rúa da Cerca na rúa “do Preto”. Non é a primeira vez que lles acontece, xa que o mesmo tradutor automático que o PSOE cuestionara nos paneis turísticos que instalara a alcaldesa Faraldo pegoulle nos fuciños ao web das Balconadas do primeiro goberno Barral.

“Betanzos, medieval town of pedra and galleries brancas, acolle since 1988 to Biennial of Balconadas, an international painting contest that adorns the balconies of all or historic center during or will see. Unha convocation that has history” explica o web oficial do certame pictórico. Pasara tamén coa versión galega do web.

As piadas deste goberno local con web e redes sociais non rematan aí: fotos da área recreativa do Caneiro, nas Pontes, ilustraban o web betanceiro para promocionar a romaría dos Caneiros. Unha gralla que durou un par de anos, ata que Xornal de Betanzos o denunciou. Sucedía o mesmo co web da Feira Franca Medieval, inzada de erros e falsidades históricas, e co propio web municipal que aseguraba que o betanceiro pouco menos que era un Entroido que rivalizaría co triángulo ourensán.