O goberno local anuncia agora que licitará o SAF por trámite de urxencia

A alcaldesa e responsable de Servizos Sociais, María Barral, compareceu no pleno a pedimento do PP tras a onda de queixas para dar contas da situación que atravesa o servizo de axuda no fogar (SAF). A rexedora anunciou que sacará a contratación o SAF polo trámite de urxencia para acurtar ao máximo os prazos. O Executivo prevé convocar un pleno en setembro para aprobar a licitación, pero admite que non estará resolta antes de que finalice o contrato en vigor, que vence o 23 de setembro.

“Manteremos o servizo co control de Servizos Sociais ata a nova adxudicación, que será canto antes”, afirmou Barral. O Executivo apelou á complexidade do proceso administrativo, afirmou que a situación xa se normalizou “e atribuíu o descontrol dos últimos días ás baixas de empregadas. O PP e o BNG botaron en cara ao Goberno local a súa falta de previsión por non convocar o concurso para contratar unha nova concesionaria do SAF en prazo e “consentir” os incumprimentos da empresa e tacharon de pouco realistas os prazos que anuncia agora o Executivo.

A alcaldesa intentou xustificar a situación do SAF en informes dos técnicos municipais e só asumiu a súa responsabilidade política forzada polo portavoz nacionalista. Na súa intervención afirmou tamén que as queixas das persoas usuarias do SAF se reducen aos últimos 10 meses, a pesar de que o tema da situación do servizo foi posto de manifesto polo BNG hai máis de 2 anos.

O Goberno local de Betanzos fixo valer a súa maioría para tombar a moción do BNG, apoiada polo PP, que instaba o Executivo a cumprir o acordo plenario de abril e rescindir o contrato de axuda no fogar polos incumprimentos da concesionaria. Mentres segundo afirmou a alcaldesa onte neste mes de agosto “23 domicilios quedaron sen atender durante varios días”.