O goberno local anuncia achado de pezas orixinais do Pasatempo tras retirar o lodo do Retiro

Bóveda de polispán sustentando elementos desprendidos. Imaxe da Asociación de Amigos do Pasatempo

O goberno local anunciou que acaba de culminar os traballos de retirada de “máis de duascentas toneladas de lodos e maleza” do vaso do Estanque do Retiro, no Pasatempo. Asegura que tras extraer máis de 200 000 kg de refugallos atopou no fondo do e stanque pezas e elementos orixinais do parque. Anuncia que agora serán estudados para determinar o seu emprazamento orixinal no Pasatempo e devolvelos ao seu lugar de orixe.

Estes traballos ofrecen agora unha imaxe diferente do recinto, co vaso completamente baleiro e os operarios asegurando con sacos de area o templete e o perímetro, para evitar novos desprendementos. A imaxe ofrece tamén a revelación do escaso calado que, en realidade, ten o Estanque do Retiro, que deberá ser impermeabilizado na súa totalidade para evitar filtracións que comprometan a súa conservación.

A Asociación de Amigos do Pasatempo desminte os achados

A Asociación de Amigos do Pasatempo aproveitou as redes sociais para botar un xarro de auga fría ao anuncio do goberno local. A entidade que promoveu o expediente para declarar ben de interese cultural o recinto sostén que “os restos aparecidos no estanque non son nada que non se coñecese xa” e lembra que “nos 80 e 90 o estanque limpouse e atopáronse pezas que serviron para reconstruír e inventar aquí e aló”.

Destacan que os restos agora atopados son “restos dos actos vandálicos que atoparon nos estanques os vertedoiros dos seus destrozos”. O certo é que, como indica a entidade, o estanque foi parcialmente baleirado en numerosas ocasións nas décadas precedentes e no seu fondo apareceron os restos que se musealizaron, entre outros lugares, precisamente na illa do estanque do Retiro.