O goberno local adxudica o amaño das rúas do Hórreo e Nova

Hórreo da rúa Nova. Turgalicia

O goberno local iniciará proximamente as obras de recuperación das rúa Nova e do Hórreo, no Casco Histórico. Os traballos xa foron adxudicados pola xunta de goberno local. Están financiados pola Deputación a través do Plan Único 2019.

Segundo explica o executivo local, os traballos incluirán a demolición do pavimento actual, así como a escavación de gabias para a colocación dos novos servizos de saneamento, pluviais e abastecemento, dentro dun proxecto que pretende contribuír a reforzar os valores arquitectónicos e espaciais contribuíndo así á súa revalorización patrimonial, social e turística, ademais por suposto de optimizar o funcionamento das instalacións urbanas.

A rede de saneamento será separativa, substituíndo a actual canalización de formigón por tubaxe de PVC, realizándose unha nova rede de recollida de augas pluviais. Con respecto ás infraestruturas ademais das canalizacións correspondentes realizaranse novos pozos de rexistro de formigón, arquetas de acometida dos distintos servizos e sumidoiros para a recollida de pluviais. A pavimentación da rúa realizarase con losas de granito en todo o seu trazado incluíndo a banda de rodadura dos vehículos.

Para a nova pavimentación respectarase a cota actual da rasante da rúa, dándolle unha pequena inclinación cara ao centro da mesma co fin de evitar que a auga de choiva circule próxima ás fachadas dos edificios, aínda que, para a recollida de pluviais, dispoñeranse sumidoiros no centro da calzada que irán recollendo os distintos tramos de ambas as rúas na totalidade do seu percorrido.

A pavimentación da rúa realizarase con lousas de granito. Renovarase todo o parque de sinalización urbana sobre postes metálicos, así como instalación de papeleiras e bolardos fixos. Contémplase este tipo de bolardo, nos laterais da beirarrúa anexos aos pasos de peóns, co obxectivo de evitar a inrvasión dos mesmos por parte dos vehículos. O orzamento previsto alcanza os 120.000 euros.