O goberno deixará de regar e baldear tras a alerta polo baixo nivel do Mendo

Vista aérea da planta de tratamento de auga do Coto

O goberno local amosou a súa  “preocupación” polo baixo nivel de caudal do Mendo tras anunciar a Xunta que decreta o nivel de alerta neste e noutros ríos do municipio, coma Mandeo e Mero, a causa do seu baixo nivel. A captación municipal da rede de subministro está no Mendo, no lugar da Acea, desde onde se bombea á estación do Coto para surtir os domicilios da cidade. O alcalde, Ramón García Vázquez, explicou que, aínda que a situación é preocupante, aínda “non é alarmante” e que o Concello non prevé, de momento, realizar restriccións de auga. “O que si ten decidido, logo de valoralo coa empresa concesionaria, é reducir o consumo de auga nas instalacións municipais, reducindo as regas e evitando, por exemplo, os baldeos en rúas”, explican desde o Concello.

O goberno local solicita aos veciños que durante estes días controlen o consumo de auga “na medida do posible” e eviten regar cultivos ou xardíns. “O nivel do río é o máis baixo que se recordan nos últimos dez anos. Se non se producisen precipitacións a curto ou medio prazo si podería haber problemas”, advirte nun comunicado. Neste sentido, avanza que podería verse obrigado a poñer en marcha un programa de restriccións no abastecemento de auga, aínda que deixa claro que “nestes momentos o subministro está garantido” e que durante as últimas semanas executou diversos traballos na zona de captación de auga para mellorar a capacidade de absorción do exhausto caudal do Mendo.

Fontes públicas sen apenas caudal

O goberno local explica que informou a Augas de Galicia da situación e explicou ao organismo autonómico que a falta de precipitacións afectou tamén a distintas fontes públicas do concello, “nas que apenas sae auga”. O Concello informou ademais de que varios os veciños solicitaron “enganches” á rede xeral de subministro de auga polo descenso dos niveis de auga dos pozos particulares dos que ata agora se abastecían”.

 

Corte na traída veciñal de Infesta

A primeira traída veciñal do lugar de Infesta padece tamén problemas co líquido elemento. A auga xa non chega ás fontes que a veciñanza deste lugar colocou hai décadas ao longo do Camiño Real de Infesta, que sube desde Betanzos pola Condesa. Nunha reunión informativa celebrada onte aclarouse que a auga está a ser analizada.