O goberno de Betanzos buscará os seus camiños para facer un inventario

Eucaliptos á beira do camiño en San Xiao

Os camiños públicos son un ben que, salvo que se descatalogue como tal, son públicos toda a vida. Mais a picaresca, a falta de uso e os cambios no territorio poden levar a perdelos. O goberno socialista, tras corenta anos ocupando a alcaldía, descoñece a ciencia certa onde ten os seus camiños o municipio e anunciou que encargará a elaboración dun inventario de camiños.

A finalidade deste novo estudo é definir se se trata de vías públicas, privadas ou de servidumes de paso. “Trátase dun traballo complementario á redacción do plan xeral de ordenación municipal mediante o cal a Concellería de Urbanismo pretende dispor dunha información actualizada da rede de viaria e clarificatoria á hora de axilizar, por exemplo, a concesión de licenzas ou ante dúbidas veciñais”, asegura o executivo local nun comunicado de prensa.

O goberno local asegura que este documento “é necesario para reflectir a realidade do Concello, de forma especial, da zona rural, onde en ocasións existen dúbidas que atrasan a adopción de acordos ou trámites ata que non se clarifican tecnicamente”. Os traballos serán contratados proximamente polo Concello e desenvolveranse por espazo dun seis meses.

“Espérase tamén as achegas veciñais para reflectir con maior exactitude todos os viarios xa que, estamos seguros, que no desenvolvemento deste traballo aparecerá algún camiño que mesmo non estivese recollido na cartografía municipal” aseguran.